REPRESIÓN INSTITUCIONAL DOS COSTUMES GALEGOS NO BIERZO DO SÉCULO XV.
REPRESIÓN INSTITUCIONAL DOS COSTUMES GALEGOS NO BIERZO DO SÉCULO XV,
por Xabier Lago Mestre.
A finais do século XV os Reis Católicos conseguiron
facer realenga a vila de Ponferrada tras derrotar ao
conde de Lemos. Esta actuación militar da Coroa
castelá debe inserirse no proceso de "pacificación" do Reino de Galiza fronte á nobreza rebelde (Pardo de
Cela entre outros). A intervención do poder real
supuxo a expulsión do conde de Lemos do Bierzo así
como a perda das súas posesiois nesta rexión estremeira, á vez o asentamento dunha nova casa
señorial substituroria da anterior, os Marqueses de
Vilafranca, emparentados cos señores de Benavente,
ámbolas dúas casas inimigas dos Lemos e aliadas dos
RRCC, e tamén a asignación do corrixidor en Ponferrada como máximo representante da Coroa.
Pero a intervención decidida da Coroa axiña
afectou a toda a sociedade berciana. Comprobamos como
houbo un interese especial por trocar incluso os
costumes populares segundo os novos parámetros
castelaos.Así, trátanse de controlar as festas que se
fan ao redor dos bautizos, os casamentos ou as
inauguraciois dos fogares, baseándose nos muitos
gastos e nas inimizades que se orixinan nelas. Razois
estas para que os órganos e os oficiais reais dictaran as limitaciois correspondentes. Entre estas
salientamos a obriga de non convidar a máis de 6
compadres ou comadres, e tamén respecto da duración
das festas quenon poderían superar 1 día. A quen
incumprise estas prohibiciois sería obxecto da
preceptiva pena, 10000 maravedíes ou desterro da
Galiza durante 2 anos.
Pola cantidade de documentación castelá emitida sobre esta problemática ao longo do século XVI
podemos ben deducir que os incumprimentos destas ordes reais foron constantes por parte dos bercianos. A título de exemplo, o concello de Ponferrada regulou o tema a través da correspondente Ordenanza de Vodas(1537), baixo a presidencia do Corrixidor real. Nela indícase que "habla en lo que toca al reino de Galizia, por la vecindad questa villa e tierra tienen, de donde se a recrecido e redundado en ella la dicha costunbre, hordenaron e mandaron (...)". Esta ordenanza reduce as penas a 2000 mr. para os anfitriones e a 600 mr. para os convidados. Pero aínda así os bercianos seguiron incumprindo esta normativa represora xa que a problemática permaneceu nos debates dos plenos do reximento ponferradino.
