A TOPONIMIA DO BIERZO OCCIDENTAL EN GALEGO.
A TOPONIMIA DO BIERZO OCCIDENTAL EN GALEGO,
Xabier Lago Mestre
Trala declaración da zona arqueolóxica das Médulas
como Patrimonio da Humanidade todos temos a necesidade de saber máis sobre as características desa paraxe berciana. Por iso, edítanse continuamente libros de investigación, guías turísticas, mapas, etc que subministran información variada aos visitantes e aos cidadaos en xeral. Un aspecto que chama a atención en todas as publicaciois comentadas é o tratamento que
fan da toponimia local. Resulta curioso atopar
menciois do seguinte teor: La Igrexilia, El Outeiro,
Las Valiñas e demais, en vez de A Igrexilia, O
Outeiro, As Valiñas... É dicir, topónimos claramente
galegos do Bierzo pero castelanizados coa anteposición de artigos non pertencentes á nosa lingua territorial.
Os autores que elaboraron os mapas das Médulas con esa peculiar toponimia mesturada e confusa utilizan os chamados "exónimos", nomes de lugares alleos á nosa lingua vernácula, a galega. Debemos rexeitar esa progresiva castelanización da nosa toponimia local e si aplicar a lóxica idiomática que determina que o galego sexa a única lingua na que se
designen os lugares do Bierzo occidental.
Os bercianos galegofalantes somos os que temos máis clara conciencia de que na comarca existen varias linguas en contacto pois facemos uso diario delas, e por iso defendemos o mantemento da pluralidade idiomática mediante a protección do galego
fronte aos actuais procesos de castelanización. O
galego forma parte do patrimonio lingüístico comarcal, razón pola cal merece un maior respecto por parte de toda a sociedade berciana. Ademais, pouco podemos agardar que as instituciois de máis aló do porto do Manzanal fagan polo galego, para elas o noso idioma representa unha realidade cultural allea, lonxana e minoritaria.
