OS REIS CATÓLICOS CONTRA AS MINORÍAS ÉTNICO-RELIXIOSAS.
OS REIS CATÓLICOS CONTRA AS MINORÍAS ÉTNICO-RELIXIOSAS
Por Xabier Lago Mestre
Seguimos neste novo traballo recordando o pouco respecto que na Coroa de Castela houbo cara ás minorías étnico-relixiosas que abranquen xudeos, árabes e xitanos, nesta ocasión durante o reinado dos Reis Católicos. Nada podería opoñerse á unidade étnico-relixiosa que se impoñía polo poder institucional.
- En decembro de 1478, o Papa Sixto IV permite a creación da Inquisición española para defender a relixión católica.
- As Cortes de Toledo (1480), no capitulo 76, determinaron que fosen illadas as zonas con poboación de xudeos e mouros, “rodeados de cercas, para lo cual se daba un plazo de dos años a las ciudades, villas y lugares en donde aquellos moraban”, “e mandamos a las aljamas de los dichos judios e moros que cada uno dellos que pongan en el dicho apartamiento tal diligencia e den tal orden como dentro del dicho termino de los dichos dos annos tengan fechos las dichas casasde su apartamiento, e vivan e moren en ellas, e dende en adelante non tengan sus moradas entre los cristianos ni en otra parte fuera de los circuitos e lugares que les fueren deputados para las dichas judería e morería”.
- Carta de Raíña Isabel de Castela (Murcia, xuño de 1488) na que ordena que se separen os xudeos na vila de Ponferrada xa que aínda non se executara o mandado polas Cortes de Toledo de 1480 nesta materia. Real Provisión para o Corrixidor de Ponferrada e alcaide da fortaleza, Juan de Torres, xa que “ay cierto numero de vecyndad de judios para los quales no está fecho apartamiento de judería (...)”. En fin, Ponferrada é obrigada a facer o afastamento entre cristianos e xudeos segundo os planos discriminatorios da Coroa de Castela en materia étnico-relixiosa.
- Polo Decreto de 31 de marzo de 1492 os Reis Católicos ordenan a expulsión dos Xudeos. Deberán deixar o Reino sen ouro nin prata, e obrigados a malvender os seus bens.
- No período 1480-1500 sobre 2000 xudeos pereceron nas fogueiras da Inquisición.
- A pesar do fixado nas Capitulaciois da toma de Granada (1492), que establecía o respecto aos derrotados árabes, o incumprimento real do pactado foi inmediato coas comentadas segregaciois nas cidades, que provocaron o éxodo a Africa en 1495, ademais da imposición de fortes tributos en 1495 e 1499, ata chegar ao ultimato de febreiro de 1502: conversión ou expulsión.
- Pragmática de 1499 dos Reis Católicos que ordena a expulsión inmediata de todos os xitanos ou exipcianos, concedéndolles un prazo de 60 días para saír do Reino, agás aqueles que tomaran “oficios conocidos, o señores a quienen sirvan, y les den lo que hobiere menester”. Aos que vagasen polo Reino, “hallados y tomados sin oficio, o sin señores, juntos y pasados los dichos días”, recibirán 100 azotes e serían desterrados a perpetuidade. No caso de atopalos así por segunda vez, a pena consistiría en cortarlles as orellas y permanecerían 60 días encadeados. En caso duna terceira infracción, pasarían a ser escravos de por vida.
http://obierzoceibe.blogspot.com
obierzoxa@lycos.es
